14 jul. 2013

Crónica do Running Por Dereito 2013

sábado comezou o Running Por Dereito deste ano, que como nas anteriores edicións durou 24 horas, 24 horas máxicas e incríbles...


A organización desta edición foi moito mais fácil que as dúas anteriores xa que temos cada vez mais experiencia organizando eventos pero tamén se debeu a que na Illa de Arousa todo é moito mais sinxelo.

Uns meses antes falamos con Demetrio para ver se esta vez tamén podiamos contar con el, a resposta foi un rotundo e entusiasmado si!
En pouco tempo atopamos avituallamento pois Coca-cola, Gadis e Eroski sempre están dispostos a aportar bebidas para os corredores. Falamos con Fátima Collado para facer o deseño do cartel unha vez mais e ela estivo encantada de aportar o seu arte a este acontecemento. O Concello de A Illa mandou imprimir os carteis e deu aviso a todos as asociacións deste municipio para que estiveran ao tanto do que ía a acontecer na Praia do Bao. Logo tiñamos varias marcas deportivas e establecementos da zona dispostos a ceder obsequios para os participantes e para o sorteo: Ximnasio Vitalsport de Cambados, Lurbel, Vikasunglasses, BES-T, Deportes Chema de Pontevedra...
Pero este ano queriamos ofrecer aos participantes e visitantes algunha actividade amena e novedosa, falamos pois coas Aves Rapaces do Salnés para ter aves de cetrería acompañándonos e facendo algunha exhibición das súas habilidades, e tamén co Refuxio de animais de Cambados. Os primeiros viñeron representados por Cetregal con varios exemplares preciosos, aínda que a exhibición non foi posible polas altas temperaturas.O Refuxio participou cun obradoiro de psicomotricidade para nenos e nenas, tamén deron unha volta xunto a Demetrio e remataron a tarde cun baño no mar. Foi toda unha nota de cor para o running e tanto peques como grandes pasáronno en grande vendo a estes agarimosos e listos animais.

O entorno era espectacular, e ao noso Demetrio encantoulle xa que por fin lle ofreciamos un chan de area e non de pedra, mágoa que nos coincidira coa ola de calor, pero estas cousas son así.
Tiñamos a caseta do socorrista e unha carpa fantástica para usar estas 24 horas,  para a organización veñen sendo 28 horas xa que hai que contar o tempo de montaxe e de recollida.


Como voluntarios tivemos novamente a honra de contar con terapeutas de a UAM de BATA, con Rubén e como non co equipo de Conexiondance que este ano embarcáronse na aventura de Arousa Si Radio, cubrindo boa parte do seu tempo de emisión.
Vamos que tiñamos todos os ingredientes para unha festa por todo o alto...
Pero o mais importante eran dúas cousas, primeiro que Demetrio, o CAPI, o noso anxo que por terceiro ano consecutivo quería estar 24 horas correndo e sufrindo pola Asociación Por Dereito, estivese a gusto e contase con todo o apoio posible para que o agotamento e o esforzo non o fixese abandonar, sobre todo tendo en conta os 40 graos que tivemos en moitos momentos. Pero cando non había quen o acompañase, algo que sucedeu sobre todo nas horas de mais calor alí estaban pais e nais de Por Dereito, camiñando, correndo ou en bicicleta, eles non deixaron a Demetrio nin unha volta so.


A segunda cousa importante era que todos quedaran contentos: socios, participantes, patrocinadores, o Concello, os visitantes, os colaboradores...De momento cremos polo que nos chegou hasta agora que este obxectivo tamén está acadado.
Tamén é moi de admirar xente que sen ter nada que ver connosco se foi unindo a esta dura proba, hasta xuntar ao longo das 24 horas a 232 participantes, xente de todas as idades e de moitos puntos diversos de Galicia e de mais aló, moitos veciños de A Illa, turistas que estaban pasando uns días nesta terra, e tamén outras persoas marabillosas que viñeron a propósito doutros concellos para participar no runnnig, a maioría facíano por primeira vez, e tamén tivemos corredores que incluso viñan por terceiro ano consecutivo a acompañarnos...INCRIBLE.


Arrancamos tal como estaba previsto ás 12.00 do sábado 6 de xullo, Demetrio acompañado por varias familias de Por Dereito, nenos, nenas e pais e nais, así como algún espontáneo e Lola a concelleira mas veterana e con mais vitalidade que coñecemos. Había xente na praia que se levantaba cada vez que pasaban Demetrio e os seus acompañantes para aplaudir e animalos, non era para menos!


Ao pouco o calor fíxose insoportable, e os pais e nais comezaron a turnarse para acompañar ao gran Demetrio que seguía sorrindo e aplaudindo cada vez que pasaba polo posto de avituallamento.
Ás tres e cuarto fixo unha corta parada para comer algo lixeiro e desfrutar falando con nós, e pouco despois  arrincou de novo. Foi uns dos momentos peores, despois de comer, cun sol de xustiza e un aire irrespirable, algo moi atípico na nosa terra...



A partires das 18.00 a cousa mellorou un pouco, a brisa fixo a súa aparición. Pouco a pouco foise unindo xente, familias enteiras que querían participar, mozos da Illa, corredores que viñan a poñerse a proba, deportistas, palistas do club de piragüismo, pais, nais, avós, nenos, mozos...Demetrio cheíño de crema, parando en case cada volta para beber, non deixaba de sorrir, e mostrábase animoso, so era preocupante ver como mollaba a súa gorra nos bidóns de auga case xeada que tiñamos para refrescar as bebidas.



Cerca das 20.00 as Aves rapaces volveron á súa casa, despois de acompañarnos todo o día, tivemos que conseguir unha mangueira para refrescalas, e non puidemos facer as exhibicións previstas, pero algúns dos nosos nenos viviron instantes moi especiais facendo de cetreiros, pódovos asegurar que a mais de un enchéronsenos os ollos de bágoas vendo como reaccionaban os nenos/as coas aves, como se comunicaban con elas e co cetreiro,como sorrían, e sobre todo como desfrutaban.





 Cando esta fantástica familia marchaba chegaron os reforzos...Foi como un momento máxico, unha morea de cans do Refuxio de Animais xunto cos seus monitores e voluntarios apareceron polo paseo, dispostos a dar unha volta xunto a Demetrio, tiveron que esperar un anaco a que Deme e os acompañantes retornaran ao posto de avituallamento pois durante o día fixéronse a maioría das volta camiñando. Logo foi algo complexo organizar a toda esta tropa, pero por fin alá marcharon todos xuntos, e todos felices pois os cans animaban aos humanos a apurar o paso. o regreso foi mais escalonado, pero cando se xuntaron todos de novo e logo de descansar un pouco comezou o obradoiro de psicomotricidade, unha actividade que fixo a ledicia de grandes e peques e coa que nos rimos todos, tamén explicaron as ventaxas da terapia asistida con cans e puxeron algúns exemplos de actividades que se podían facer axudados da motivación que estes animais producen nas persoas e mais aínda nos peques con diversidade. Logo moitos destes peludos foron bañarse, e era unha bonita estampa ver como se bañanaban no mar cando comenzaba o solpor.
Algúns como Olga ( a presi do Refuxio) quedaron hasta moi tarde por alí e incluso ensinaron como Anie sabe sumar, restar e multiplicar...Cremos que esta combinación de actividades é xenial para todos.





Foi caendo a noite, moita xente marchou, pero comezaba a chegar aqueles que buscaban o fresco da noite para dar un paseo despois de cear, Demetrio parou a cear, agora xa mais aliviado xa que a brisa refrescaba o ambiente, e o aire xa se facía moito mais respirable. Chegou tamén o qunda de pais e nais que ían quedar de noite, moitas risas, moitas conversas e respirábase non so aire fresco da brisa, senón tamén destas familias que a través do sacrificio de Demetrio renovaban a súa enerxía para seguir adiante.


Coa noite chegou tamén Francisco Dios, un veciño da Illa  que lle dixo á súa dona que viña a dar un par de voltas e que de seguida iría para a súa casa...o caso é que a súa señora veu por alí cerca do remate do running para preguntarlle a Fran que entendía el por un par de voltas. Francisco acompañou a Demetrio dende as 22.00 do sábado hasta o domingo ás 12 do mediodía, 14 horiñas de nada. Fran estivo sempre animoso e con ganas de seguir, agora tiña Deme un bo "partner" para correr, agora si que podía facer o que a el mais lle gustaba...


Fomos quedando case a escuras, pois na Illa todo é moi natural, e loxicamente non teñen luces artificiais nas praias. Pero os corredores tiñan uns focos bastante potentes nas súas cabezas, con batería e todo, esta xente sabe o que fai...
Os pais e nais seguiron turnándose para acompañalos nas voltas que facían camiñando, nas de correr había que deixalos pois eles son espíritos libres e nós so paxaros aprendendo a voar...E entre tanto nós falabamos de nimiedades, rindo como adolescentes, meténdonos sobre todo cos papis. E chegou a hora meiga, sobre as 5 da mañá, parecía que todos precisabamos un café, e cando o iamos preparar chegaron dúas mozas novas, que viñan da "movida" da Illa (bastante lonxe de onde nós estabamos), viñan a comprobar "in situ" se era certo o que escoitaran nos pubs, que un home estaba correndo na praia do Bao dende as 12.00 do mediodía. Quedaron connosco hasta cerca das 7.00 da mañá, e fixéronlle "a ola" a Demetrio e a Fran cando pasaron por diante de nós. Foron moi simpáticas e xuntos botamos unhas boas risas co que o sono esfumouse de case todos nós, algún tivo que deitarse un par de horiñas pero estabamos suficientes para que aquilo non decaera.

Vimos un amencer precioso,con moitas cores e sobre todo fresquiño, ¡como agredeciamos ese aire nas nosas caras mentres tomabamos un café quente e saboreabamos todos os doces que nos foron traendo os papis mais madrugadores e a muller de Demetrio.Foi simpático, pois foron hasta tres os que viñeron cargados de croasans, pan e pasteis para que almorzáramos, tiñamos doces para un batallón...

A mañá pasou voando, e dende as 10.00 hasta o remate tivemos moitísimos inscritos, e participantes, ás 11.00 chegaron o equipo de Conexiondance que nos deixou toda a música que precisabamos para  a noite, viñan dispostos para facer o sorteo, e para animar esta última hora, e que ben o fixeron.



Algúns estabamos moi nerviosos e emocionados, pois un ano mais Demetrio ía facer posible estas 24 horas de running, 24 horas de risas e sufrimento, 24 horas de compartir momentos difíciles de esquecer e 24 horas que todos desexábamos que rematasen pero ao mesmo tempo queriamos que se alongasen ou que puideramos parar o reloxo... A maioría das familias de Por Dereito uníronse a Demetrio e a Fran para facer a última volta, a cara deles dous dicíao todo, esgotados pero felices, isto remataba xaaaaaa.
Outros quedamos esperando e sacando fotos segundo a segundo, pero os minutos que os perdemos de vista facíanse interminables, o sorteo tíñanos entretidos, pero o reloxo seguía avanzando e os nosos ollos brillaban e non era so de esgotamento...
Conexiondance e os pais que chegaron na quenda da mañá encargáronse do sorteo con humor, novas risas, moitos aplausos e  entrega de algúns dos produtos BES-T, (os demais premios estanse entregando nestes días)

Todo preparado para o fin: música, trofeos, e sobre todo as ganas de abrazar a Demetrio. Vémolos asomar, veñen aplaudindo, é un grupo numeroso, incluso algúns nenos e non tan nenos veñen a cabalo dos pais e compañeiros, Deme e Fran no centro cunha cara de felicidade, todo moi calados pero emocionados, pasan pola meta pois a volta remata un pouco mais adiante, xúntase bastante público, e Carlos  anuncia que quedan apenas un par de minutos para que sexan as 12.00 do domingo, comeza a conta atrás, e alí ven todo o grupo sen deixar de aplaudir, e con novas incorporacións de última hora, algúns dos nenos de Por Dereito fan a espera na meta...e por fin soa a música de SUPERMAN, e remata o running cun estalido de aplausos e vítores, apertas, bágoas, felicitacións...INDESCRITIBLE!!!


Un ano mais conseguiuno, conseguímolo, grazas Demetrio!!
Na nosa mente, e mais cos tempos que corren, custa moito comprender o que este ironman fixo por terceira vez polos nosos fillos, Demetrio querémoste e nunca, nunca esqueceremos o que nos fas sentir, e o sufrimento que afrontas ano tras ano por persoas que non son da túa familia mellor dito  que non eramos, pois creo que todos e cada un de nós pensamos que mereces ser un compoñente mais do noso clan, un clan variopinto pero cuns corazóns moi grandes aínda que non tanto como o teu.
Non podemos nomear a todas as persoas que nos axudaron a facer este soño posible, pero dende aquí queremos agradecervos a todos e a cada un de vós que o Running Por Dereito 2013 fora unha realidade. A pesares dos 40 graos de calor e ese aire africano irrespirable Demetrio fixo 157 km en 24 horas.
Un especial agradecemento ao Concello de A Illa, pois así si que se pode!!!
Grazas tamén aos patrocinadores, a Conexiondance, as Aves Rapaces e ao Refuxio de Animais así como a todos e cada un dos participantes deste reto.
Esperamos a vosa visita no Running 2014!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario. En breve darémosche unha resposta!
Esperámoste os días 1 e 2 de setembro en Cambados!